Un seminario organizado por EAPN Galicia e a Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero de interese para entidades do Terceiro Sector de Acción Social e administracións públicas sobre que son e que servizos prestan os centros de crise 24 horas en Galicia.
Máis de 100 persoas participaron neste seminario web onde puideron resolverse tódalas cuestións e dúbidas que aportaban as persoas asistentes.

En decembro de 2024 puxéronse en marcha os centros de crise 24 horas para vítimas de violencia sexual en cinco cidades galegas; Santiago, Vigo, Lugo, Ourense e Ferrol. Amplíase así o compromiso que establece a Ley Orgánica 10/2022, de 6 de septiembre, de garantía integral de la libertad sexual, a chamada Ley del solo sí es sí, de abrir un centro en cada provincia.
Os centros de crise 24 horas para vítimas de violencia sexual da comunidade autónoma de Galicia son recursos especializados, abertos as 24 horas, os 365 días do ano, destinados ás mulleres maiores de 15 anos, independentemente da súa situación administrativa, de vivir un intento ou unha situación de violencia sexual, recentemente ou no pasado; tamén para os seus familiares e persoas da súa contorna íntima.
EAPN Galicia e a Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero da Consellería de Política Social e Igualdade organizaron un seminario web con obxecto de difundir a existencia dos centros de crise 24 horas, e proporcionarlles información a entidades do Terceiro Sector e a administracións públicas, así como resolver dúbidas sobre o funcionamento destes centros.
A facilidade de acceso permite un maior alcance nas vítimas de violencia sexual
A apertura do seminario correu a cargo da secretaria de EAPN Galicia, Ana Álvarez que deu paso á subdirectora xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero, Patricia Fernández López quen fixo unha presentación destes pioneiros centros que prestan atención psicolóxica, xurídica e social especializada con carácter permanente e urxente.
A atención é inmediata e pode ser por vía telemática, telefónica ou presencial, factor que favorece a accesibilidade das vítimas ao recurso. Este punto vese reforzado coa inexistente necesidade da presentación de documento acreditativo algún. Estes centros de xestión pública son complementarios aos xa implementados de violencia de xénero como os CIM, entidades ou asociacións, xulgados ou centros do Sergas. Estas características sumadas a súa dispoñibilidade 24 horas os 365 días do ano, permiten un maior alcance en mulleres que non teñen cabida noutros centros específicos contra a violencia machista.
A segunda ponente, a directora do Centro de Recuperación Integral para Mulleres que sofren Violencia de Xénero da Consellería de Política Social e Igualdade, Consuelo Neira, aportou información sobre o funcionamento da Rede galega de acollemento da que tamén é coordinadora. Un recurso residencial ao que se accede de xeito temporal para reorientar a situación persoal: aloxamento, seguridade, manutención… que está destinado ás mulleres e as súas fillas e fillos menores que precisen dun aloxamento de seguridade en Galicia por mor da situación de violencia de xénero. Ao igual que os centros de crise, presta atención ininterrompida as 24h dos 365 días do ano.

Localización dos cinco centros de crise 24 horas en Galicia
En Galicia existe un total de 84 prazas de acollida as que poden acudir tódalas mulleres que sofren violencia de xénero e as e os menores ao seu cargo, incluídas as vítimas de trata e/ou explotación sexual, que requiran dun espazo de protección debido a situación de risco causada pola violencia de xénero.
As entidades sociais e persoas que asistiron ao seminario contaron tamén cun espazo de resolución de dúbidas sobre os servizos que prestan os centros de crise e a Rede galega de acollemento.
Presentación Centros de Crise 24h
Web oficial Centros de Crise 24h
Presentación Rede galega de acollemento
Na pasada campaña das eleccións do 18 de febreiro ao Parlamento de Galicia elaboramos coas nosas entidades membro un documento de Demandas prioritarias para avanzar contra a Pobreza, a Exclusión Social e a Desigualdade, no que se recollen propostas concretas para avanzar na igualdade de xénero e protección ás vítimas de violencias machistas, en especial, das que están en situacións máis estremas -trata, prostitución ou exclusión severa-, e implicar a toda a cidadanía na defensa da igualdade de xénero.
Unha delas é a de reforzar a atención e protección ás mulleres vítimas de violencias machistas abrindo no 2024 centros de crise de atención integral 24 horas contra a violencia sexual nas sete cidades galegas. Neste apartado, a subdirectora xeral avanzou que dende a Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero estase a valorar a apertura de centros nos municipios de A Coruña e Pontevedra, inexistentes ata o momento, chegando a alcanzar desta maneira, a nosa meta de conseguir un centro para cada un dos sete grandes concellos.
Fai un comentario