Seminario web sobre as novidades no certificado de familias monoparentais
O seminario web: Novo certificado para as familias monoparentais organizado xunto coa Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia espertou o interese de 185 persoas inscritas.
Unha sesión práctica na que Cristina Blanco, subdirectora xeral de Política Familiar, Infancia e Adolescencia explicou detalladamente os pasos para solicitar o novo certificado de familias monoparentais.

O pasado 5 de marzo ás 10:00 horas organizamos xunto coa Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia o Seminario web técnico: ‘Novo certificado para as familias monoparentais’ para explicar o novo procedemento específico de solicitude e renovación deste certificado. Tivo moi boa acollida con 185 inscricións, representantes de entidades sociais, administracións públicas autonómicas e locais, organismos públicos e institucións educactivas.
Cristina Blanco, subdirectora xeral de Política Familiar, Infancia e Adolescencia, explicou paso por paso o procedemento de solicitude do certificado, quen o podía solicitar e a ampliación de vixencia. Ao final da sesión, houbo un espazo para resolver dúbidas, algunhas xa propostas no momento da inscrición, outras que foron xurdindo a medida que trasncorría o seminario. Aquí podes consultar o documento das dúbidas propostas e nesta ligazón accedes directamente á parte do vídeo do Seminario na que as resolve.
No Seminario, unha das asistentes, a Asociación de Familias Monoparentais de Galicia (FAGAMOS), facilitou un vídeo-guía para acceder ao certificado en formato dixital unha vez solicitado. Pódese ver nesta seguinte ligazón.
Este encontro vén motivado polos cambios que entraron en vigor o pasado 15 de xaneiro en Galicia en relación co recoñecemento administrativo das familias monoparentais. Entre as modificacións destaca a posta en funcionamento dun novo sistema de rexistro, orientado a simplificar os trámites, reducir a documentación que deben presentar as familias e facilitar o acceso aos dereitos asociados.
Así mesmo, ampliouse o período de validez dos certificados —ata que o fillo ou filla menor cumpra 26 anos nas familias cun único proxenitor e de dous a cinco anos nas situacións de custodia exclusiva— e incorporouse a posibilidade de dispoñer do certificado en formato dixital a través da aplicación Xunta.EU.
Estas medidas facilitan a creación dun Rexistro oficial. O primeiro paso de recoñecemento destas familias para avanzar cara unhas medidas de protección urxentes. Medidas que propomos no informe «Propostas de medidas urxentes de apoio ás familias monoparentais» elaborado en conxunto coa Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia.
Aquí podes ver o vídeo completo do Seminario:



