Xa está en marcha o IV Foro sobre Pobreza, Exclusión Social, Terceiro Sector e Voluntariado
— 25 Setembro, 2014 Comentarios desactivados en Xa está en marcha o IV Foro sobre Pobreza, Exclusión Social, Terceiro Sector e Voluntariado 475A Rede Galega de Loita contra a Pobreza – EAPN Galicia xunto ao CERMI Galicia e a Coordinadora Galega de ONGD organiza para os días 9 e 10 de outubro a cuarta edición do Foro de Capacitación sobre Pobreza, Exclusión Social, Terceiro Sector e Voluntariado. A cita, baixo o lema “¿Democracia con Transparencia ou Desigualdade e Corrupción?” levarase a cabo na Escola Galega de Administración Pública, en Santiago de Compostela, e quere contribuír a analizar e dar visibilidade ás situacións de desigualdade que se viven hoxe na nosa comunidade.
O Foro contará con relatorios, conferencias e mesas redondas co obxectivo de fomentar o debate sobre a inclusión social de colectivos vulnerables. Non se trata dun evento pechado ás entidades integrantes de EAPN Galicia, senón que pretende fomentar o traballo colectivo e en rede entre diversas agrupacións, institucións, organizacións sociais, universidades, colexios profesionais e administracións.
O evento divídese en varias áreas: a primeira analizará a importancia da transparencia e a participación das persoas máis vulnerables nas políticas que lles afectan; a segunda avaliará a implantación da Estratexia Europa 2020 e a da transparencia e o participación das organizacións de acción social na xestión dos Fondos Estruturais 2014-2020 que Galicia recibe da Unión Europea. Ademais, falarase de estratexias para lograr efectividade na implantación da Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA); e de como mellorar a comunicación dos problemas de inclusión e empoderamento das persoas.
“Agora” para coñecer proxectos innovadores
No marco deste Foro, EAPN Galicia organiza un espazo no que se darán a coñecer iniciativas innovadoras dentro do ámbito da loita contra a pobreza e a exclusión dende as ONG que forman o chamado Terceiro Sector, denominado Agora. Nela participarán organizacións sen ánimo de lucro ou empresas de economía social involucradas na loita contra a pobreza, que disporán dunha sala na que expoñer en 15 minutos os seus proxectos, ante un auditorio reducido de persoas interesadas.
A inscrición no Foro está aberta e custa 15€ (5€ para estudantes e persoas desempregadas), e é gratis para voluntarios ou profesionais das entidades membro de EAPN Galicia, CERMI ou Coordinadora ONGD. Pode formalizarse facendo unha transferencia na conta 2080 0300 81 3040148710 e picando seguidamente no enlace
https://docs.google.com/forms/d/1-x6pbL5BCr73xwe94_1TAobaFA9W7WZcTsTNBMaZkWo/viewform