A forza do Terceiro Sector galego: esencial e unido contra a crise social e sanitaria

0 659
Comparte!
É primordial unha reconstrucción social que non deixe a ninguén fora, facendo fincapé na fenda dixital e na burocratización extrema que sofren persoas e entidades.
Na asemblea de EAPN Galicia denunciouse a discriminación das entidades de acción social. A pesares de ser imprescindibles na reactivación económica e na resposta ás necesidades das persoas vulnerables seguen a non ser recoñecidas en plans de rescate, Lei de simplificación administrativa ou na xestión dos Fondos Next Generation.
Aprobouse a entrada de Acción Contra el Hambre como membro da Rede.

Coa participación das 28 organizacións membro da rede, na Asemblea Ordinaria aprobáronse as contas e memoria de actuacións de 2020 e o orzamento e Plan de Actuación para 2021, a través do cal EAPN Galicia seguirá traballando no fortalecemento de dereitos básicos das persoas vulnerables e o necesario recoñecemento das entidades sen ánimo de lucro, como axentes esenciais na reconstrución social.

Para conseguir estes obxectivos, é necesario loitar contra as causas da pobreza e a desigualdade dende un enfoque de dereitos, o que esixe fuxir do asistencialismo e asegurar os dereitos tanto á satisfacción incondicional das necesidades básicas como a unha inclusión social activa (non unha obriga)

Neste senso, recordouse a intervención de Eloína Ingerto na Comisión de Reactivación Económica, Social e Cultural: ‘A pobreza non se acompaña, combátese. E como calquera outra política de estado, non se improvisa nin consiste nunha suma de medidas curtopracistas de escaso impacto e dubidoso éxito comunicativo: esixe constancia e un compromiso de estabilidade orzamentaria, planificación estratéxica a medio e longo prazo e transparencia no seguimento de indicadores e medidas‘.

Entre as actividades prioritarias para o 2021 incidirase en temas como:

  • A posta en marcha da Nova Axenda Social de Galicia, con especial implicación da Administración Local, a través da FEGAMP, para a articulación de medidas coordinadas coa Xunta e o Terceiro Sector de Acción Social.
  • A urxencia de garantir a inclusión residencial, xa que a escaseza de vivendas dignas, accesibles e adecuadas está a impedir de facto o éxito nos procesos e medidas de inclusión social e loita contra a pobreza.
  • A modificación da Lei de Inclusión de Galicia, que asegure compatibilidade e subsidiariedade da Renta de Inserción Social de Galicia co Ingreso Mínimo Vital. En especial e de xeito urxente para familias con nenas, nenos ou persoas dependentes
  • Investigar a exclusión financieira e o impacto das prácticas bancarias nas persoas en pobreza ante as múltiples denuncias de todo tipo de abusos recibidas.
  • Loita contra a crecente fenda dixital, agravada pola pandemia, para que o acceso ás novas tecnoloxías non sexa un impedimento para a inclusión social, laboral e educativa.
  • Elaborar Decálogo de Compromisos de Intervención Social de EAPN Galicia e as súas entidades membro, que deixe clara a aposta pola inclusión social activa con calidade e o enfoque de defensa de dereitos lonxe do asistencialismo e a aporofobia na intervención.

Un plan de rescate e unha Lei do Terceiro Sector Social galego que free a súa discriminación

Outro dos puntos clave da Asemblea foi a avaliación da situación ocasionada pola pandemia da COVID-19. Nos últimos meses tivo lugar un proceso frenético e urxente de adaptación das entidades, tanto a nivel organizativo interno como de cara a prestar o mellor servizo e acompañamento ás persoas que máis o precisan, precisaron e precisarán.

Problemáticas xa existentes e que se viñan reclamando historicamente víronse agravadas durante este período e están a supoñer unha barreira importante na capacidade de resposta das organizacións ou na consecución dos dereitos e acceso a recursos das persoas en situación vulnerable.

É xeralizada entre as entidades a incertidume polo que pasará tras a emerxencia sanitaria con moitos programas e servizos que ofertan á poboación, dependentes da financiación pública. Todas teñen asumido gastos extraordinarios que poden supoñer nun futuro inmediato a perda de servizos, programas e recursos de inclusión dirixidos a persoas en situación de pobreza e/ou exclusión.

A pesares de que as entidades de acción social son imprescindibles na reactivación económica e a creación de riqueza, e de seren un axente esencial do Sistema de Servizos Sociais de Galicia e na resposta ás necesidades das persoas seguen a non ser recoñecidas, cando non abertamente discriminadas, en plans de rescate, Lei de simplificación administrativa ou mesmo na xestión dos Fondos Next Generation.

As organizacións do Terceiro Sector estiveron e continuarán a realizar unha tarefa esencial, o que debe traducirse, no Goberno na Xunta e nos concellos en feitos concretos. É preciso asegurar que as organizacións sociais reciben o mesmo apoio que calquera outro sector produtivo.

Dende un plan de rescate económico e financeiro urxente, ampliando ás entidades sociais as liñas de financiamento destinadas ás PEMES ou a adaptación da Lei de simplificación administrativa que reduza a burocratización extrema ata a promulgación da Lei de Diálogo Civil e Terceiro Sector de Galicia que recoñeza e regule a súa actuación.


Acción Contra a Fame, novo membro de EAPN Galicia

Na Asemblea aprobouse por unanimidade a entrada como novo membro de Acción Contra a Fame.

Unha entidade que en España realiza a súa labor centrada no ámbito da inclusión sociolaboral, nas ofertas de emprego para persoas en risco de exclusión social, en proxectos de empregabilidade, emprendemento e capacitación, que pon o foco na creación de redes e en favorecer o acceso ao mercado laboral como unha fórmula para minimizar a vulnerabilidade.

Similar articles

Fai un comentario

O seu email non será publicado. Os campos marcados son obrigatorios *

*

CONTACTO

Pza. Camilo Díaz Baliño, 17
(Centro de negocios ESMARTA)
Santiago de Compostela
15704 A Coruña
Teléfono: 698 12 71 10

Traducir

GalegoEspañol

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das devanditas cookies e a aceptación da nosa política de cookiespique no enlace para maior información.

ACEPTAR
Aviso de cookies