As entidades que conforman EAPN Galicia comprométense a seguir loitando contra a aporofobia e os discursos do odio e adiantan un 2025 centrado na incidencia en Facenda, Política Social, Vivenda e Emprego

0 227
Comparte!
Na primeira Asemblea Ordinaria do 2025 aprobáronse liñas de incidencia como a loita contra a discriminación das familias monoparentais, a modificación da Lei de Inclusión ou a elaboración de criterios obxectivos de acceso ao RUEPSS. Así como o incremento da colaboración coas universidades e o resto da economía social.
A asemblea acordou establecer unha folla de ruta na loita contra a aporofobia e a discriminación interpelando á Consellería de Educación
Movemento pola Paz e Axuda en Acción son as novas incorporacións á Rede.
Saray Durán de Ecos do Sur e Sonia Caldas de Down Galicia, novas vogais da Xunta Directiva de EAPN Galicia.

 

As entidades que tecen Rede en EAPN Galicia, Rede Galega de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social, reuníronse o pasado 16 de xaneiro na súa primeira Asemblea Ordinaria do 2025.

Nela aprobáronse por unanimidade aspectos como o Plan de actuación do 2025, a Memoria de actuacións do 2024 e os Orzamentos para este presente ano.

Malia que o principal punto da orde do día era e de remodelar a Xunta Directiva coa incorporación de dúas novas vogais, Saray Durán de Ecos do Sur e Sonia Caldas de Down Galicia, a xuntanza deu lugar a varios momentos de diálogo nos que se rematou de definir o camiño a seguir neste ano que comeza.

 

Liñas de traballo

Unha das principais liñas de incidencia deste 2025 será a interacción coa Consellería de Política Social para remar a prol dos dereitos das familias monomarentais galegas, 114.506, das cales 35.725 estaban en pobreza no 2024 segundo datos do IGE.

En febreiro deste ano, xa serán tres os anos de incumprimento da Lei de Impulso Demográfico, normativa que establecía a creación do rexistro de Familias Monoparentais Galegas e un plan de apoio para as mesmas, especialmente para as que se atopan en situación de vulnerabilidade.

Outra das liñas de incidencia que se propuxo nesta Asemblea foi a da elaboración duns obxectivos para acceder ao Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), e a de que se leve adiante a modificación Lei de Inclusión Social que suporía o traspaso do Ingreso Mínimo Vital, de competencia estatal, á RISGA, aspectos a tratar tamén coa Consellería de Política Social e Igualdade.

Por outra banda, parte da xornada dedicouse a deseñar unha estratexia para loitar de xeito conxunto e máis reactivo contra a aporofobia e o odio, correntes que se están a propagar por Europa a unha velocidade de vertixe.

Un momento na Asemblea

Desde unha sociedade que non deu cabida a forzas políticas promotoras do discurso de odio e a aporofobia nin no seu Parlamento nin na práctica totalidade dos seus concellos, o obxectivo de EAPN Galicia é o de actuar como revulsivo ante a inacción política, o non posicionamento a favor da cidadanía á que van dirixidos estes discursos, a non condena explícita dos mesmos e a escaseza de medidas para frealos.

Estableceuse a posibilidade de crear un grupo de traballo exclusivo para elaborar unha folla de ruta na loita contra o odio, chegando ás institucións, tratando o tema coa Consellería de Educación, para intentar que os discursos de tolerancia calen na xuventude e nos centros escolares, xa que a mocidade é unha poboación moi permeable e é preciso chegar a ela.

Na incidencia salienta a levada a cabo en materia de vivenda incluíndo a reunión coa Consellería de Vivenda e Infraestruturas de recente creación. Tamén a itinerancia da exposición fotográfica #EmerxenciaVivenda.

En relación a liñas de incidencia política coa Consellería de Política Social, e especificamente coa Dirección Xeral de Inclusión Social acadouse o compromiso de ter xuntanzas periódicas cada 3/4 meses, implicando tamén a Emprego e Vivenda para favorecer a coordinación política e técnica.

Dúas novas entidades forman parte da Rede

EAPN Galicia deu a benvida a dúas novas entidades que xa forman parte da Rede, trátase de Movemento Pola Paz, que contou cos avais de Accem, Ecos do Sur e Provivienda, e de Axuda en Acción, cuxo traballo quedou acreditado coas testemuñas de CDR O Viso, Saúde Mental-FEAFES e AGARESO.

 

Similar articles

Fai un comentario

O seu email non será publicado. Os campos marcados son obrigatorios *

*

CONTACTO

Rúa República do Salvador 3, 2ºD
Santiago de Compostela
15701 A Coruña
Teléfono: 698 12 71 10

Traducir

GalegoEspañol

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das devanditas cookies e a aceptación da nosa política de cookiespique no enlace para maior información.

ACEPTAR
Aviso de cookies