O presidente do Parlamento de Galicia vén de trasladar aos seus homólogos dos restantes parlamentos autonómicos, do Congreso e do Senado, a Declaración Institucional contra o odio e a intolerancia ás persoas en pobreza ou exclusión social.
Esta xestión de Santalices Vieira responde a unha petición expresa formulada por EAPN Galicia coa esperanza de que as restantes Cámaras lexislativas sigan o exemplo do Parlamento de Galicia.
Lanzamento da campaña #ContrAporofobia EAPN Praza da Quintana Santiago de Compostela 28.6.2019
No 2017, con motivo do Día Internacional para a Erradicación da Pobreza, o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade unha declaración institucional contra o odio e a intolerancia ás persoas en pobreza ou exclusión, na que os grupos políticos se comprometeron a loitar contra a pobreza extrema e a súa transmisión interxeracional, afirmando que ‘a recuperación económica non será efectiva mentres non garanta o dereito a unha vida digna a todas as persoas galegas‘.
As persoas non son culpables da súa pobreza. Non o son as nenas e nenos nin as súas nais e pais. Tampouco o son da súa exclusión as persoas con discapacidade, migrantes, refuxiadas ou da comunidade xitana, as mozas e mozos tutelados ou os privados de liberdade.
Ninguén é culpable do seu sufrimento. Non o son as mulleres vítimas de violencia de xénero. Nin calquera persoa pola súa orientación ou identidade sexual. Non existen as relixións que defendan o terrorismo ou a violencia.
Ningunha persoa é inútil. Sexa moza, desempregada, xubilada ou sen fogar.
“Os poderes públicos temos a responsabilidade de garantir a igualdade de todos os cidadáns, poñendo en marcha as medidas necesarias para reducir as desigualdades sociais, combatir a discriminación e favorecer o respecto, a tolerancia e a participación activa de todas as persoas”
Con parágrafos coma este, o Parlamento de Galicia foi pioneiro en España na denuncia do odio, asumindo as demandas das case 100 persoas en risco de pobreza e exclusión que se implicaron no VIII Encontro Galego de Participación e Cidadanía Inclusiva elaborando propostas para loitar contra os prexuizos, estereotipos e mentiras que sofren continuamente. Aporofobia (odio ás persoas en pobreza) é unha palabra de recente creación, pero que nomea un fenómeno que milleiros de galegas e galegos leven padecendo durante moito tempo.
Inauguración Exposición “Dun muro das mentiras a un muro da inclusión”. Parlamento de Galicia. 20.2.2019 Día da Xustiza Social
Esta implicación continuou no 2018 cando o Parlamento galego inaugurou a exposición ‘Dun muro das mentiras a un muro da inclusión’, elaborada coas mentiras e prexuizos que escoitan a diario as persoas mais vulnerables e coas propostas para loitar contra o odio e a aporofobia.
A influencia da aprobación desta Declaración Institucional estase percibindo tanto na difusión de iniciativas de sensibilización e formación en institucións públicas contra a aporofobia e os prexuizos como na crecente coordinación política e xudicial neste eido.
#ContrAporofobia dende Santiago de Compostela
O pasado 28 de xuño púxose en marcha dende Santiago de Compostela a campaña estatal “#ContrAporofobia: Aporofobia, rumores e estereotipos invisibles en la inserción“no marco do XIII Encontro Estatal de Participación.
Persoas en situación ou risco de pobreza ou exclusión, representantes institucionais estatais e autonómicos e responsables de organizacións sociais de toda España asistiron ao comezo desta campaña impulsada dende EAPN España – Red Europea Contra la Pobreza y la Exclusión Social e as 19 redes EAPN que existen en todas as Comunidades Autónomas, Ceuta e Melilla. A campaña #ContrAporofobia está coordinada dende EAPN Galicia.
Neste acto Miguel Ángel Santalices, Presidente do Parlamento de Galicia, ratificou o compromiso coa loita contra o odio e a intolerancia do órgano que preside. A proposta de EAPN Galicia e co convencimento de que esta declaración institucional e o espíritu de consenso que a inspirou merece ser replicada de forma urxente, o Parlamento de Galicia ven de propor aos restantes parlamentos autonómicos así como ao Congreso e Senado “a asumir la Declaración Institucional, con los cambios que consideren oportunos, con la intención de que sea también aprobada lo antes posible y con el máximo consenso”
Dende EAPN España e as 17 redes autonómicas EAPN estase a facer xa incidencia política para asegurar a elaboración de Declaracións Institucionais en cada territorio.
O Presidente do Parlamento de Galicia Miguel Santalices Vieira no lanzamento da campaña #ContrAporofobia 28.6.2019