Seguiremos comunicando e defendendo dereitos no 2019
— 18 Decembro, 2018
412
O Grupo de Comunicación de EAPN Galicia estrea coordinadora (Alba Iglesias de Down Galicia) e ven de ter a súa xuntanza de avaliación do 2018 e planificación do 2019.
Na xuntanza estivo marcada pola despedida dos nosos compañeiros David Otero (ata agora coordinador do Grupo como membro de Alzheimer Galicia) e Noe González (de EAPN Galicia), e darlles a benvida a Lucía Caride (Fundación Erguete) como nova incorporación a este grupo e a Alba Iglesias (Down Galicia) como nova coordinadora do mesmo.
Evaluouse o traballo realizado ao longo do 2018, con éxitos como a campaña da X Solidaria, o seminario de “Organización e Produción dun Evento Solidario” a creación do Boletín “En Rede Social”, ou as iniciativas de comunicación con medios en redes sociais con motivo dos Seminarios de Participación (#ReclamoIgualdade) , Día da Xustiza Social (#MentirasPobreza) ou Día Internacional para a erradicación da Pobreza (#ContraPobreza)
Tamén se revisou a folla de ruta do 2019, no que se organizarán novos cursos formativos relacionados coa metodoloxía técnica e ética da nova Lei Orgánica de Protección de Datos e Imaxe, ou como combatir o discurso do odio nas redes sociais, para seguir construíndo a nosa loita real contra a aporofobia, os prexuizos e as #MentirasPobreza.
Editarase un manual sobre linguaxe inclusiva e farase unha difusión específica do exitoso boletín EnRedeSocial, que en apenas 4 meses dende o seu lanzamento xa ten case 300 persoas suscriptoras interesadas en coñecer as novas das organizacións do Terceiro Sector galego implicadas na loita contra a pobreza, a exclusión e a desigualdade social e de xénero (podes subscribirte aquí).
Seguirán tendo continuidade, eventos e actos relacionados coa X Solidaria e cos días da Xustiza Social e no Día Internacional para a Erradicación da Pobreza e por suposto, contuinuaranse apoiando todas as causas das entidades membro da Rede.
Traballo non vai faltar, pero a causa común que nos une ben paga a pena: “Somos entidades do Terceiro Sector de Acción Social implicadas na loita contra a pobreza, a exclusión e a desigualdade social e de xénero. Que traballa polas mesmas causas, desde un enfoque de dereitos pola defensa dos intereses das persoas en situación ou risco de pobreza e da súa participación comunitaria plena, mediante a incidencia política e social propositiva”
Seguimos!
Fai un comentario