Unha Asemblea rexuvenecida e feminista busca comunicar para seguir a defender a xustiza social e a tolerancia
Na Asemblea de EAPN Galicia foi aprobado o Plan de Acción que fará fincapé na incidencia política e social, o recoñecemento das organizacións do Terceiro Sector de Acción Social, a colaboración coas universidades e a comunicación externa e interna da Rede.
Afrontar a emerxencia no acceso á vivenda, asegurar o financiamento dos programas de loita contra a pobreza e a exclusión e combater os discursos de odio, preocupacións e prioridades das entidades membro.
Unha mirada cara adentro no marco da elaboración do Plan Estratéxico da Rede, cuxos piares foron constuídos coa participación das entidades membro na Asemblea.

As entidades que tecen Rede en EAPN Galicia, Rede Galega de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social, reuníronse o pasado 11 de marzo na súa primeira Asemblea Ordinaria do 2026. Nela aprobáronse por unanimidade o Plan de actuación do 2026, a Memoria de actividades do 2025, as contas do 2025 e orzamentos do 2026 e o Plan de Comunicación 2026 -2027 entre outros aspectos.
A incertidume social e política actual marcaba os debates e aprobacións das liñas a seguir para este ano 2026. Cunha representación maioritariamente feminina e nova, retratouse o relevo xeracional que están vivindo as entidades do Terceiro Sector. Este indicador, xunto coa actualidade trazaba as inquietudes e prioridades, onde a situación de emerxencia no acceso á vivenda, a proliferación dos discursos de odio e aporofobia ou e o recoñecemento do Terceiro Sector encabezan o podio.
Liñas de traballo
Unha das liñas estratéxicas para este ano é avanzar no recoñecemento do Terceiro Sector como motor de transformación social e un axente esencial no reforzo dos servizos sociais, emprego ou acceso á vivenda, así como na necesidade dunha financiación estable e un marco legal que o sosteña. Ás portas da Lei do Terceiro Sector, coa elaboración do Plan Estratéxico, e afondando en estudos que ilustren o impacto do Terceiro Sector.

Representantes das entidades membro na Asemblea
Este ano apostarase pola incidencia propositiva en diferentes administracións e consellerías, ademais da de Política Social e Igualdade, coa que seguiremos cunha comunicación estable incidindo na modificación da Lei de Inclusión coa transferencia das competencias na xestión do IMV, ou coa inminente posta en marcha dun Plan de Apoio para as familias monoparentais. Na Consellería de Emprego, cos Programas integrais de inclusión social e sociolaboral ou ás microcredenciais, na Consellería de Facenda cos Fondos Estruturais Europeos. Especialmente seguir a interlocución coa Consellería de Vivenda aproveitando os avances acadados para seguir repercutindo no Bono Entidades.
Lograr que a emerxencia no acceso á vivenda, en especial coa poboación en pobreza ou exclusión social se entenda como unha obriga de reacción se non inmediata, si moito mais ambiciosa, tanto na Xunta de Galicia como na maioría de concellos e deputacións galegos, onde se recoñeza o papel imprescindible das organizacións do Terceiro Sector. O acceso a vivenda é o principal factor de empobrecemento, por iso, este ano tamén será o tema principal do XVI Encontro Galego de Participación, onde as persoas en situación de vulnerabilidade poderán facer demandas e visibilizar a problemática.
A alianza coas universidades e a comunicación son outras das prioridades ás que se prestarán especial atención. A retroalimentación do Terceiro Sector co mundo académico enriquece a ambas partes. É preciso seguir apostando por achegar o coñecemento ‘de terreo’ que teñen as entidades sociais ao alumnado para formar ás futuras xeracións. Neste sentido o próximo 24 de marzo organizamos xunto coa Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo o II Foro Galego Universidade Terceiro Sector, un espazo de diálogo e reflexión entre a comunidade universitaria, as entidades sociais e as empresas da economía social para intercambiar coñecementos e xerar valor social compartido.
A comunicación como eixo central
A comunicación é a base para visibilizar o noso labor como entidade, para incidir, para chegar á mocidade, para contraargumentar os discursos de odio e para defender a xustiza social. Este ano apostarase pola comunicación como un dos eixos estratéxicos principais. Neste eido, presentouse o Plan de Comunicación 2026-2027 onde as prioridades céntranse en ser interlocutores de referencia con capacidade de incidencia en políticas sociais, combater discursos de odio e a aporofobia, favorecer o recoñecemento do Terceiro Sector, actualizar na forma de transmitir contidos adecuándose os novos modelos de difusión e consolidar a estrutura organizativa da Rede.
Queremos achegarnos ás entidades membro da Rede e das federacións, ás entidades do Terceiro Sector e o resto de Economía Social, ás institucións académicas e formativas, ás administracións públicas autonómicas e municipais, aos partidos políticos a nivel autonómico e municipal e a sociedade que teñan inquietudes sociais. Cunhas mensaxes a prol da defensa dos dereitos sociais, participación, inclusión e empoderamento das persoas vulnerabilizadas; o traballo contra os discursos de odio, animando a que máis organismos se sumen á Declaración “Tolerancia e respecto. Fronte ao discurso do odio e a aporofobia”, dos xa 131 asinantes; o recoñecemento do Terceiro Sector como axente esencial no reforzo do sistema de servizos sociais e como xerador de emprego e riqueza, impulsando a que máis entidades sociais proclamen ‘por que están orgullosas de traballar/participar no Terceiro Sector’; a necesidade de fortalecer os servizos sociais comunitarios; o acceso a unha vivenda digna, axeitada como primeiro paso para saír da pobreza e/ou exclusión social; a loita contra o asistencialismo, o individualismo e culpabilización das persoas vulnerables e a denuncia do exceso de burocratización ou violencia administrativa, defendendo o concepto de “portelo único”.
Tecendo rede, a maneira de loitar contra as ameazas

Traballando no Plan Estratéxico coa dinámica World Café
Cara o final da sesión construíronse os cimentos do Plan Estratéxico da Rede 2026-2030 coa participación das entidades membro. Divididos en catro espazos que conforman a matriz DAFO (Debilidades, Ameazas, Fortalezas e Oportunidades), traballouse nas distintas esferas para saber en que posición está a Rede, a que se enfronta, con que contamos e como podemos encarar o futuro.
Malia as ameazas, como o posible debilitamento da financiación destinada a fins sociais, o aumento de discursos de odio tanto das persoas vulnerabilizadas como das entidades sociais, a posible futura crise económica, a precarización do sector, a inflación dos custos estruturais que entidades non son capaces de asumir, entre moitas outras, hai moitas fortalezas que se poden tornar en oportunidades. Nas que destaca a consolidación da EAPN cunha traxectoria baseada no rigor e honestidade con identidade compartida, o alto nivel de coñecemento da realidade das persoas en pobreza ou o forte compromiso e de incidencia política das súas entidades membro e o bo clima e convivencia entre as entidades membro da Rede, que favorecen un traballo e colaboración interna.



