Unha menor implicación política, a inflación e o encarecemento da vivenda provocaron un incremento da pobreza en 1 de cada 4 galegos e galegas

0 501
Comparte!
O “Informe do Estado da Pobreza en Galicia 2024”, revela que o 25,5% da poboación de Galicia estaba en risco de pobreza e/ou exclusión social no 2023, o que se traduce en 690.000 persoas, 50.000 máis que no ano anterior.
No 2023 experimentouse una redución da implicación política e orzamentaria e as transferencias públicas reduciron en menor medida a pobreza que no ano anterior.
122.000 galegos e galegas que se atopan en carencia material e social severa non están en pobreza. É o dato máis alto da súa serie histórica.
Grazas ao efecto das pensións, a pobreza redúcese en 8,8 puntos na poboación entre 0 e 64 anos. De non haber pensións en Galicia, habería unhas 175.000 persoas máis en pobreza entre 0 e 64 anos.
O 48,4% do total de prestacións que reciben as persoas pensionistas atópanse por debaixo do limiar da pobreza, un 20,2% por debaixo do de pobreza severa, unha lixeira mellora especialmente nas de viuvez que pasaron do 37,2% ao 36,6%.

 

O 17 de Outubro, coincidindo co Día Internacional da Erradicación da Pobreza, EAPN Galicia, Rede Galega de Loita contra a pobreza e a exclusión social vén de presentar o XIV Informe do Estado da Pobreza en Galicia 2024, na Sede da Valedora do Pobo en Santiago de Compostela.

Este informe forma parte do XIV Informe “O Estado da Pobreza en España 2024” da Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social (EAPN-España) que avalía o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030, especialmente o ODS 1, que busca reducir á metade a pobreza en todas as súas formas.

Estes últimos datos correspondentes ao 2023, amosan un panorama que non convida ao positivismo tal e como indicaba o director da Rede, Xosé Cuns, “No último informe xa se podían adiviñar nubeiros no ceo”. Se nos últimos informes os datos facían crer que o risco de pobreza e/ou exclusión social se reducía, as cifras do pasado ano indican existen 50.000 persoas en pobreza máis, chegando ás 690.000, iso é, 1 de 4 galegos e galegas, o 25´5 % da poboación na nosa comunidade.

En anteriores informe destacábase que a mellora dos datos correspondíase principalmente co período de medidas contra a pobreza e a exclusión postas en marcha polas diferentes administracións a partires da pandemia.

Como se demostrará posteriormente no apartado da medición das transferencias sociais, semella que dende o 2023 se retardou notablemente o impacto das medidas contra a pobreza do chamado ‘Escudo Social’ que puxeron en marcha dende o goberno central (como os ERTE, Ingreso Mínimo Vital), Xunta de Galicia (non paralización da RISGA, Tarxeta Básica) ou gran parte dos concellos.

Un retardo que non poido ser compensado polo sobre esforzo das organizacións do Terceiro Sector de Acción Social Galego.

 

Feminización da pobreza

Empeora a taxa de pobreza feminina e crece a fenda de xénero. Das case 690.000 persoas que no 2023 estaban en risco de pobreza e/ou exclusión social, preto de 305.000 eran homes (case 17.000 máis, 1,3 puntos) e pouco máis de 384.000 mulleres (35.215 máis, 2,4 puntos). Agudízase a feminización da pobreza.

O risco de pobreza e exclusión infantil e xuvenil aumenta e seguen a ter as taxas máis elevadas por grupo de idade, o 28,2%, en 2023.

Por outro lado, increméntase a taxa de pobreza nos fogares con nenos e nenas, en 2023 o 27,1% está en AROPE (2,7 puntos máis que en 2022), fronte ao 24,3% que vive sen menores (1,4 puntos máis que no ano anterior). Do que se deduce que, ter fillos, é un factor de empobrecemento para as familias.

Tal el como indicou Xosé Cuns, o incremento da taxa de pobreza infantil vén dada de que moitos dos nenos e nenas que a experimentan pertencen a familias monoparentais (80% encabezado por mulleres), un tipo de fogar no que tamén se incrementou a taxa de pobreza no conxunto do estado, do 49,2% no 2022 ao 52,7% en 2023.

 

 

Pobreza severa

A taxa de pobreza severa (con ingresos máximos de 611€ mensuais nun fogar dunha persoa ou 1.283€ no de dous adultos e dous nenos ou nenas) mantense mais ou menos estable, aumentando lixeiramente do 6,8% ao 7,0% (0,2 puntos máis) unhas 189.000 persoas, e segue a manterse por debaixo da media estatal (8,3%, 1,3 puntos mais alta). O dato de pobreza severa en Galicia é o sétimo máis baixo das CCAA.

 

O papel chave das pensións

As pensións de xubilación e supervivencia non só melloran a calidade de vida das persoas que as perciben, senón tamén do seu núcleo familiar. Grazas ao efecto das pensións, a pobreza redúcese en 8,8 puntos na poboación entre 0 e 64 anos, é dicir, de non haber pensións en Galicia, habería unhas 175.000 persoas máis en pobreza entre 0 e 64 anos.

Das 775.817 pensións que se reciben en Galicia, case a metade, un 48,4% recibe unha pensión cuxo importe é inferior ao mínimo considerado para non ser pobre (375.658 persoas), 11,6 puntos máis que a nivel nacional (36,8%). Con todo, melloran levemente as taxas de pobreza severa na viuvez con respecto ao 2022 (do 37,2 ao 36,6%).

Baixa intensidade de traballo no fogar

O 7,5 da poboación menor de 65 anos residente en Galicia, 155.000 persoas, vive en fogares con baixa intensidade de emprego. Galicia atópase entre as rexións que mais melloran neste indicador, cun descenso de 2 puntos respecto ao ano 2022 (unhas 38.000 persoas menos). O que non significa que saian da pobreza.

Neste senso, para aquelas persoas que poden traballar, o emprego é unha condición necesaria pero non suficiente para saír da pobreza se este non é digno e se non vai acompañada doutras medidas de acceso á vivenda.

Esta taxa por sexo no 2023 reduciu considerablemente a fenda de xénero, en gran medida polo descenso do indicador entre as mulleres (que pasou do 10,6% ao 7,6% no 2023, equiparándose ao dos homes (7,4%). Convén sinalar de novo que este indicador non fala da calidade do emprego, en especial no caso das mulleres.

Privación Material e Social Severa, pobreza enerxética e emerxencia residencial

Existen 230.000 persoas nesta situación en Galicia, o 8’2% da poboación. A Privación Material e Social Severa dos fogares con menores é superior á dos fogares sen menores en case todos os anos. En 2023, esta diferenza acentuouse en comparación co ano anterior, debido ao maior aumento deste indicador nos fogares con menores, que pasou dun 6,9% a un 10,2%.

Dentro dos elementos que compoñen o indicador de PMSS empeoran 10 dos ítems e melloran 3 deles. Aumentan as persoas que non poden permitirse manter a vivenda a unha temperatura axeitada, que pasaron do 9,6% no 2020 ao 21,6 % no 2023.

Ítems que compoñen a PMMS. En vermello, os que empeoraron con respecto aos do ano anterior

O 22,0% das persoas en pobreza dedican máis do 40% da súa renda dispoñible a gastos de vivenda o que evidencia que se mantén a crise para atopar unha vivenda digna, axeitada e accesible.

Desigualdade

O índice de Gini galego baixou lixeiramente, pois dun 28 en 2022 pasou a un 27,4 en 2023, e permaneceu inferior ao índice estatal, en concreto 4,1 puntos. Dende o ano 2015 este dato recorre unha tendencia descendente que lle levou a rexistrar este ano o valor máis baixo da serie histórico.

O papel imprescindible das Administracións pero escaseza de ambición política

De non existir ningunha transferencia pública (Estado, Xunta ou concellos) en Galicia, en 2023 a situación de pobreza chegaría ao 46,6% (ampliándose un 140,2%, 17,2 puntos), o que se traduce en 1.258.000 persoas en total, 735.000 mais.

Con todo, pódese dar conta a través dos datos que existe unha menor ambición política e orzamentaria. Se comparamos os datos con anos anteriores, nos últimos tres anos o impacto de medidas estatais, autonómicas e locais reduciuse practicamente á metade: 10,4 puntos no 2021, 8,4 no 2022 e 5,6 no 2023.

Claves de futuro para a loita contra a pobreza e a exclusión social

Visto este impacto positivo das medidas implantadas e a lentitude da redución da taxa AROPE de risco de pobreza ou exclusión social, para acadar o compromiso do Plan Estratéxico Galicia 2022-2030 de reducir no 2030 ao 14% a taxa de risco de pobreza ou exclusión social, é imprescindible potenciar en todas as administracións as medidas e orzamentos en materia de dereitos e políticas sociais, vivenda ou acceso ao emprego.

A Valedora do Pobo, María Dolores Díaz Valiño, salientou na súa intervención que a pobreza “debe de ser examinada cun enfoque de dereitos humanos”.

Con esta opinión coincidiu Ana Pardo, presidenta de EAPN Galicia que sinalou que “o camiño para reducir a pobreza e a exclusión social está moi claro. Son precisos orzamentos ambiciosos e un esforzo compartido entre o Goberno Central, a Xunta de Galicia, concellos e o Terceiro Sector”.

A Presidenta de EAPN Galicia, Ana Pardo, durante as conclusións da presentación do Informe

“O pasado ano falabamos de datos positivos pero xa vaticinabamos un futuro un tanto complexo. É a nosa obriga transmitir preocupación en vista do empeoramento dos datos pero en ningún caso desánimo ou derrotismo. Algúns indicadores como a relativa redución da pobreza severa permítenos albergar algún optimismo sempre que vaia acompañado de vontade política.

Non hai ningunha razón económica obxectiva e si unha decisión política para non aumentar os orzamentos autonómicos e municipais adicados en primeiro lugar á implantar medidas urxentes de emerxencia para o acceso a produtos básicos, como un primeiro paso para garantir o dereito, nunca a obriga, de acceso a procesos integrais, áxiles e estables de acompañamento para facilitar o acceso á RISGA, o Ingreso Mínimo Vital, a vivenda ou o emprego.

Non é admisible levar case 1000 días incumprindo a Lei de Impulso Demográfico sen implantar o urxente plan de apoio ás familias monoparentais ( o 52,7% seguen na pobreza).”, concluíu Ana Pardo.

O acto tamén contou con representantes das forzas políticas do Parlamento de Galicia, Raquel Arias do PPdeG, Paloma Castro do PSdeG, e Olalla Rodil do BNG.

 

Consulta aquí o “Informe do Estado da Pobreza en Galicia 2024” ao completo

 

Informe do Estado da Pobreza en Galicia 2024. Resumo Executivo

Similar articles

Fai un comentario

O seu email non será publicado. Os campos marcados son obrigatorios *

*

CONTACTO

Rúa República de El Salvador
Santiago de Compostela
15701 A Coruña
Teléfono: 698 12 71 10

Traducir

GalegoEspañol

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das devanditas cookies e a aceptación da nosa política de cookiespique no enlace para maior información.

ACEPTAR
Aviso de cookies