Traballar polas mesmas causas, ter capacidade de incidencia política e social para a erradicación da pobreza e a exclusión social desde un enfoque de dereitos e liderar o proceso de articulación do Terceiro Sector Social en Galicia, claves do novo Plan Estratéxico de EAPN Galicia 2016-2019.
As entidades membro de EAPN Galicia aprobaron por unanimidade na súa Asemblea Extraordinaria do 28 de xuño de 2016, o novo e ambicioso Plan Estratéxico 2016-2019 de EAPN Galicia, que guiará as accións levadas a cabo pola rede nos vindeiros catro anos.
Máis de 60 persoas, voluntarias ou profesionais, das nosas entidades membro participaron no proceso de reflexión estratéxica que se levou a cabo no primeiro semestre deste ano.
4 Liñas de traballo, 5 obxectivos estratéxicos e 45 resultados operativos definen a ambición do novo Plan e a aposta polo traballo en rede pola causa común de afrontar a redución drástica da pobreza, a exclusión e a desigualdade social e de xénero dacorco cos valores da entidade: Independencia, Participación Activa, Compromiso, Colaboración, Transparencia, Innovación, Representatividade e Equidade de Xénero.
O novo Plan e a súa presentación resumida xa está dispoñible no apartado de Transparencia da web.
Nas vindeiras elecións. AS PERSOAS PRIMEIRO
Na Asemblea, ademáis da aprobación do Balance e a Memoria de Actividades 2015, presentáronse as accións levadas a cabo durante o primeiro trimestre do 2016, entre as que destacamos avances nos seguintes eidos:
- Participación como motor de inclusión das persoas en risco de pobreza ou exclusión social, a través de accións como o VII Seminario de Participación e Cidadanía Inclusiva e a recente creación do Grupo de Participación de Mocidade ao abeiro do proxecto JovEU
- Incidencia nas políticas sociais, a través de actividades como a sinatura da Axenda Social de Galicia, xunto á Xunta de Galicia e a FEGAMP, participación nos Comités de Seguimento do Fondo Social Europeo e do Plan de Desenvolvemento Rural 2014-2020, ou na enmenda da Lei de Servizos Sociais e consecuente aprobación dun Concerto Social non discriminatorio.
- A través da Campaña XSolidaria, procurouse fomentar que a cidadanía teña a información necesaria sobre a importancia de marcar a casiña da X solidaria na súa Declaración da Renda.
O acto finalizou coa revisión das demandas que se presentarán as diferentes candidaturas nas vindeiras Elecións ao Parlamento de Galicia, baixo o lema “As persoas primeiro: Compromisos, Coordinación, Causas e Dialogo Civil contra a pobreza e pola inclusión social”
Fai un comentario