“Eu son un ser humano. Non son un país. Non son unha fronteira”

0 480
Comparte!
O Relator Especial da ONU sobre extrema pobreza e dereitos humanos, Philip Alston, reúnese na sede da Valedora do Pobo de Galicia con persoas en pobreza ou exclusión social para coñecer as súas inquedanzas e demandas.

Con motivo da investigación que está a facer en España para analizar a pobreza do país, o Relator Especial da ONU sobre a extrema pobreza e os dereitos humanos, Philip Alston e o seu equipo reuníronse xunto á Valedora do Pobo de Galicia e con persoas como Pilar, Rosa, Yosehana, María Luisa, Ramiro, Hicham, Theophilus, Javier, David e Anabela quenes estiveron a transmitir as vivencias e preocupacións das persoas en situación ou risco de pobreza ou exclusión social; en representación das que participan cada ano nos Encontros de Participación e Cidadanía Inclusiva organizados por EAPN-Galicia.

O vicepresidente de EAPN Galicia, Daniel Bóveda, valorou a importancia desta xuntanza, xa que permitiu “por voz e cara” ao estado da pobreza en España e Galicia”. Agradeceu a presenza das persoas participantes así como do persoal técnico das entidades membro que participaron no encontro (ACCEM, Fundación Juan Soñador, COGAMI, Boa Vida, Alzheimer Galicia, Medicos do Mundo, Provivienda ou Caritas Tui-Vigo). Fixo un chamamento a que a sociedade non sexa cómplice dun discurso do odio que está a tomar protagonismo e que busca “criminalizar as persoas que pior o están pasando ou negar a violencia de xénero“.

Por outra banda, a propia Valedora do Pobo e todo o seu equipo asistiron activamente, colaborando como moderadora durante a xuntanza co Relator que contiunou posteriormente dende a inquedanza por coñecer con máis detalle os temas que estiveron a tratar as persoas participantes.

Non so perdes a vivienda: perdes o teu espazo, a túa intimidade”. Anabela

As preocupacións que trasladaron ao equipo de Philip Alston foron diversas. A falta de vivenda ou a pésima habitabilidade e falta de accesibilidade de moitas delas fou unha constante durante toda a xuntanza.

Falouse de como a precariedade laboral incide no dereito á vivenda e reivindicouse a obriga de que as empresas teñan certo porcentaxe de persoas contratadas en situación ou risco de exclusión social. Asemade, trasladouse a existencia dunha brecha salarial e da particularidade das persoas traballadoras domésticas, na súa maioría mulleres, e as súas condicións laborais.

Moita parte do noso traballo é acompañamento polo maltrato administrativo”. Técnica entidade social.

As persoas participantes perceptoras de rendas mínimas, como a Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA). puxeron enriba da mesa a insuficiencia das contías que non permiten cubrir o custo das necesidades básicas como a vivenda e a alimentación, especialmente para familias con nenos, nenas ou persoas dependentes. A dependencia do IPREM, un indicador estatal paralizado de facto dende hai case dez anos e outra das razóns da escaseza dos importes.

Sobre todo, incidiron nas trabas burocráticas (ate un ano para a tramitación inicia da prestación e ate catro meses para a súa reactivación) e a desigualdade territorial ou “lotería social entre Comunidades Autónomas. Finalmente, engadiron a existencia de aporofobia que eles e elas mesmas perciben no día a día.

“Eu son un ser humano. Non son un país. Non son unha fronteira”. Hicham

Reivindicouse a vulnerabilidade que somete a Lei de estranxeiría as persoas con experiencia migratoria, que as aboca a dificultades no acceso á educación, vivenda, emprego e sanidade. Esta situación de exclusión social, segundo expresaron, ten que engadirse ao racismo, que esténdese ás institucións, e á violencia administrativa.

“A inexistencia dun parque de vivendas accesible impide desenvolver a vida en liberdade” Susi

Noutro eido, en referencia á situación das persoas con discapacidade, trasladouse ao relator como a falta de accesibilidade non só limita o día a día, senón a liberdade de escoller o lugar onde residir e que tanto incide no acceso ao emprego, a educación e a vivenda. É por iso que reclamaron a necesidade de que a accesibilidade teña presenza, de xeito transversal, á hora de deseñar a diferente normativa.

Acercaste á administración a pedir unha axuda de dependencia e tardan 12 meses en darcha. En vez de axudarte é como se te meteran nun forno a asarte“. Ramiro

A intervención das persoas participantes rematou falando da situación das persoas con Alzheimer e dos sistemas de dependencia e de pensións. Deste xeito, tódalas persoas integrantes dunha familia, de algún xeito, están a coidar da persoa que ten esta enfermidade. Comentaron que as pensións son de baixa contía e que se unha persoa quere solicitar unha prestación do sistema de dependencia, esta tardará ate un ano en concederse.

Asemade, reivindicaron a ineficacia da diagnose temperá nos centros de atención primaria de saúde, o que dificulta a situación tanto para as persoas que teñen esta enfermidade como da súa familia. Tamén puxeron de manifesto a escaseza de recursos públicos, sobre todo no eido da saúde mental, que moitas veces teñen que ser suplidos polas entidades de acción social. Esta situación vese especialmente agravada nas persoas que residen no ámbito rural.

Según Alston, o estudo que está a realizar ten como base os datos da situación de pobreza en España, pois destaca que “máis de unha década despois da crisis financeira, e tras unha impresionante recuperación económica, moitos dos indicadores de pobreza e desigualdade de España están moi por encima dos niveis anteriores á crisis”. As conclusións da súa investigación serán trasladadas ao Goberno de España a modo de recomendacións, co fin de que se emprendan iniciativas de apoio ás persoas en situación de pobreza.

Tras a súa visita a Galicia, Philip Alston e o seu equipo continuarán o seu estudo no País Vasco, Extremadura, Andalucía e Cataluña. Finalmente, a súa estancia en España rematará o 7 de febreiro en Madrid. O seu informe final será presentado ao Consello de Dereitos Humanos da ONU en Xenebra en xuño de 2020.

Similar articles

Fai un comentario

O seu email non será publicado. Os campos marcados son obrigatorios *

*

CONTACTO

Pza. Camilo Díaz Baliño, 17
(Centro de negocios ESMARTA)
Santiago de Compostela
15704 A Coruña
Teléfono: 698 12 71 10

Traducir

GalegoEspañol

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das devanditas cookies e a aceptación da nosa política de cookiespique no enlace para maior información.

ACEPTAR
Aviso de cookies