622.000 persoas, o 23% da poboación galega, atopábase no 2018 en risco de pobreza ou exclusión social. 128.000 delas, o 4,8% da poboación, vivían na pobreza severa percibindo menos de 370€ ao mes un fogar dunha persoa ou 776€ nun de dous adultos e dous menores.
Estes datos son hoxe unha aspiración optimista. As eleccións ao Parlamento de Galicia celebraranse no marco dunha emerxencia sanitaria que está sendo acompañada por unha emerxencia social e que empobrecerá drasticamente a milleiros de galegas e galegos se non hai un compromiso político e orzamentario tanto da Xunta de Galicia como de concellos e deputacións.
O COVID19 trouxo un agravamento notable da situación das persoas máis afectadas e que apenas se beneficiaran da recuperación económica: mulleres, mocidade, nenos e nenas. Pero especialmente a aquelas con outros factores de exclusión: monoparentalidade, discapacidade, violencia machista (en especial a máis extrema por prostitución ou trata), etnia, persoas maiores -especialmente con algunha dependencia-, migrantes ou refuxiadas e, en xeral, aquelas que malvivían da economía informal ou na precariedade laboral e que quedaron sen ningún tipo de ingreso económico. E con agravantes cando se vive no eido rural.
As persoas primeiro: Demandas contra a pobreza e a exclusión social perante as Eleccións ao Parlamento de Galicia 2020
Esta crise está a constatar a necesidade urxente de aplicar reclamacións históricas das organizacións e redes do Terceiro Sector como a valoración dos coidados, a erradicación do lucro na loita contra a pobreza ou na atención ás persoas dependentes e colectivos vulnerables ou mesmo a aprobación do Ingreso Mínimo Vital.
Na vindeira lexislatura temos unha oportunidade única para evitar que a pobreza e a desigualdade se cronifiquen e cumprir así co compromiso do estado español e da comunidade autónoma galega na Axenda 2030 e no Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 1 e reducir como mínimo á metade a porcentaxe de persoas en pobreza.
As 140 organizacións que formamos parte de EAPN Galicia, reiteramos os catro principios que resumen a nosa incidencia política: loita contra as causas da pobreza e a desigualdade, compromiso en orzamentos e planificación a medio e longo prazo, coordinación política e técnica e diálogo civil e demandamos a todas as candidaturas ao Parlamento de Galicia que incorporen no seu programa electoral e se comprometan a que na nova lexislatura a Xunta de Galicia implante as seguintes 15 grandes demandas, detalladas en 64 medidas concretas.
Descarga aquí o documento completo de propostas de EAPN Galicia en galego
Descarga aquí el documento completo de propuestas de EAPN Galicia en castellano
1. Blindar o orzamento da Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA).
Asegurando a súa compatibilidade e subsidiariedade co Ingreso Mínimo Vital e o recoñecemento do dereito subxectivo e incondicionado á supervivencia.
Especialmente en tres aspectos: complementando ingresos ata o limiar de pobreza relativa, aumentando cobertura a aquelas personas non beneficiarias do mesmo que vivan en Galicia e asegurando o dereito á inclusión sociolaboral e a un acompañamento estable e profesionalizado dende os Servizos Sociais Comunitarios e as organizacións do Terceiro Sector Social.
2. Garantir o dereito a unha vivenda digna, axeitada e accesible.
Priorizando a rehabilitación e o alugueiro social a erradicación do chabolismo e a infravivenda e a loita contra a exclusión residencial severa promovendo o acceso á 40.000 vivendas no 2023.
3. Sen excusas para non reducir drasticamente a pobreza e a exclusión infantil e xuvenil.
Aproveitar a oportunidade do Ingreso Mínimo Vital apoiando especialmente as familias.
En medidas como: Lei Galega da Infancia, que garanta todos os dereitos de nenas, nenos e adolescentes na nosa comunidade. Educación de 0 a 3 anos universal e gratuíta. Despregamento da Rede Galega de Atención Temperá ao 100% da poboación galega. Pacto Galego de Educación Inclusiva. Garantir o dereito á saude en condicións de igualdade para tódalas persoas que viven en Galicia.
4. Erradicar o curtopracismo e a descoordinación institucional na acción política.
Xeralizar a planificación e actuacións a medio e longo prazo, a estabilidade orzamentaria e a coordinación entre os tres axentes do sistema público de servizos sociais: Xunta, administración local (concellos e deputacións) e organizacións do Terceiro Sector de Acción Social. Impulso da nova Axenda Social de Galicia
5. Por un emprego digno e inclusivo.
Asegurando o acompañamento estable e profesionalizado ás persoas con maiores dificultades de empregabilidade ou precariedade laboral.
Evitando a discriminación de organizacións do Terceiro Sector Social e impulsando o modelo do “Programa de Posta a punto para o emprego” a todo persoa en situación ou risco de pobreza ou exclusión social, a formación persoalizada e adaptada á demanda do mercado de traballo, a ampliación ao 7% a reserva de mercado da Xunta de Galicia ou as escolas de segunda oportunidade.
6. Accesibilidade universal en infraestructuras e edificios públicos ou privados.
Para asegurar a plena inclusión de todas as persoas, de acordo co establecido na Lei 10/2014 de accesibilidade e subordinar o investimento en obra pública da Xunta de Galicia a este obxectivo. Erradicar “limbo da dependencia”
7. Manter servizos básicos contra a exclusión territorial e a pobreza rural.
Sanitarios, sociais, educativos, transporte ou vivenda e erradicación da fenda dixital e de acceso ás novas tecnoloxías.
8. Lei ou Estratexia Galega contra a violencia machista.
En especial á máis extrema (prostitución, trata, senfogarismo) e unha Lei Integral contra a Trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual. Desalentar a demanda de comercio sexual e a condea social dos demandantes de prostitución como instigadores de violencia machista extrema en especial na Radio Televisión de Galicia
9. Plan galego de loita contra a soidade non desexada.
10. “Somos persoas, non expedientes” Redución drástica da burocracia extrema.
Na relación coa cidadanía e as organizacións do Terceiro Sector Social. Plan de choque de resolución de todos os expedientes pendentes. Departamento dependente da Presidencia da Xunta que sistematice a redución burocrática, e asegure coordinación, harmonización de requisitos e interpretación da normativa dos departamentos de intervención.
Establecer un plan de mellora e aprendizaxe continuo en Servicios Sociais (autonómico e municipal) coa inclusión dun protocolo de avaliación da calidade de atención e enquisas de satisfacción de usuarios.
11. Elaborar plan urxente de loita contra a fenda dixital en persoas e ONG.
Considerando como unha necesidade básica o acceso ás novas tecnoloxías e internet das persoas ou familias en situación de vulnerabilidade, así como o fomento da alfabetización e competencias dixitais.
12. Loita contra o discurso do odio, aporofobia e a desinformación.
Fomentar a participación das persoas en risco de pobreza ou exclusión, e difundindo discurso alternativo de logros, situacións de autonomía e empoderamento e as súas problemáticas sociais, non illadas. Realizar actuacións de formación e implicación da cidadanía na loita contra calquera tipo de prexuízo ou discurso do odio, según o establecido na Declaración Institucional contra o Odio e a Aporofobia aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia.
13. Fomento do dialogo civil e Lei do Terceiro Sector de Acción Social.
Recoñecendo ás entidades do terceiro sector con enfoque de dereitos o seu carácter non lucrativo e recoñecida solvencia como parte do Sistema Público Galego de Servizos Sociais, regulando a súa participación política e técnica nos procesos de inclusión social, o seu financiamento estable e asociado a resultados e o sistema de interlocución coa administración pública e gobernanza coas redes que o articulan.
14. Plan de rescate para o Terceiro Sector Social.
Recoñecendoo como axente esencial na reconstrución de Galicia tralo COVID19 e con apoio específico ás organizacións para enfrontar emerxencia sanitaria e social.
15. Non admitir diferenzas entre “pobreza de aquí e de alá”.
Entendendo a cooperación para o desenvolvemento como unha política social pública mais baseada no desenvolvemento sustentable no enfoque feminista e na defensa dos dereitos humanos.
Accede aquí ás imaxes e infografías da campaña As persoas primeiro #PobrezaGalicia
Documentos de demandas das entidades membro de EAPN Galicia:
Programas Electorales dos Partidos Políticos
Fai un comentario