Gobernanza eficaz contra a desigualdade
— 11 Setembro, 2018
306
A delegación galega xa ten preparadas as súas demandas contra a pobreza e a exclusión social que presentará no XII Seminario Estatal de Participación do 12 ao 14 de setembro.
O 6 de setembro o grupo de participación de EAPN-Galicia reuniuse na Sede de EMAÚS en Vigo, para realizar un obradoiro de formación e xeración de propostas en torno á participación e á gobernanza. Entre as persoas asistentes figuraban aquelas que dende o 12 ata o 14 de setembro participarán en Las Palmas de Gran Canaria no XII Seminario Estatal de Participación organizado por EAPN Canarias e EAPN España.
Nesta xornada ofreceuse unha formación para reflexionar acerca dos diferentes ámbitos e espazos nos que podemos participar e traballamos o concepto de gobernanza, analizando os retos e oportunidades coas que se atopan as persoas en situación de pobreza e exclusión social á hora de exercer unha cidadanía activa e participativa.
A través de diferentes dinámicas de debate e votación, acadouse un acordo para priorizar entre todas as propostas que as persoas participantes realizaron en diferentes encontros tanto a nivel estatal como autonómico. O resultado sobre como podemos mellorar a calidade democrática da gobernanza é:
- Consellos Populares de participación cidadá municipais.
- Con ferramentas para aprender e mellorar as estratexias de diálogo coas administracións.
- Facendo un seguimento das propostas feitas polas persoas participantes dos Seminarios de EAPN, para avaliar e medir o seu nivel de incidencia e impacto nas políticas públicas.
- Con redes de gobernanza formadas por números elevados e heteroxéneos de actores.
- A través de xuntanzas sistemáticas, non puntuais, que melloren as oportunidades de participación.
Deste xeito, preténdese incidir nas seguintes políticas públicas:
- Rendas Mínimas. Decentes, áxiles e adaptadas ás necesidades das familias e persoas para permitir unha vida autónoma. Teñen que ser un dereito constitucional, compatibles con ingresos anuais de emprego transitorio e temporal, e ter requisitos máis flexibles. No caso de sancións e suspensións de renda débese informar por escrito e deixar prazo de alegacións antes de arrastrar a unha situación de maior pobreza.
- Empregos dignos en salarios e condicións. Máis inspecións para controlar abusos e discriminacións. Todos os contratos con acceso a subsidio por desemprego. Homologar esto ao réxime das empregadas do fogar. Ademáis, débense crear cupos nas empresas para que as persoas en situación de pobreza poidan acceder ao emprego.
- A Vivenda é o primeiro. Normativa contra a especulación que posibilite dispoñer de aquelas vivendas de bancos e do sector privado que estean desocupadas co único fin de especular con elas. Que se ofrezan como aluguer social facilitando así o aceso á vivenda.
- Educación. Garantir o aceso igualitario á formación (espazos de apoio á diversidade, apoio a persoas adultas que queiran regresar á formación, etc.), con medidas que faciliten que a educación sexa realmente pública, gratuíta e de calidade e prohibindo a segregación por sexo, raza, etnia, discapacidade, etc. en todos os espazos educativos.
- Xénero. Fomentar a corresponsabilidade, compartir o coidado e equiparar permisos de paternidade, evitar os roles tradicionais do home e da muller na familia, para avanzar na loita contra a cultura das violencias machistas. Sentencias xustas.
- Eliminar a violencia administrativa chamada burocracia para que deixe de ser unha barreira de acceso aos nosos dereitos.
- Loita eficaz contra os delitos de odio, prexuizos e aporofobia. Concienciación cidadá sobre o seu papel na mellora da situación das persoas en exclusión social.
Este Encontro Estatal pretende ofrecer oportunidades para a contribución social, pública e política da cidadanía en situación de exclusión social, a través da xeración de espazos para realizar propostas.
Centrarase nas diferentes vías de participación existentes (a social, política, cidadá e comunitaria) para chegar a coñecer qué indicacións ou recomendacións se deben seguir por parte das entidades, a administración e a comunidade para favorecer a participación a todos os niveis das personas en situación de exclusión. Para esto, traballarase dende os conceptos de Gobernanza e Bo Goberno e dende as posibilidades que se abren eo marco actual para levar a cabo o exercicio pleno dos dereitos das persoas en risco ou en situación de pobreza.
Coas maletas feitas, a delegación galega xa está preparada para presentar as nosas propostas neste Encontro Estatal, no que ademáis intervirá unha persoa membro do grupo para explicar o que é e o que debe ser a gobernanza e cales son as medidas que propoñen as persoas en situación de pobreza e/ou exclusión social para garantir que, a través da participación cidadá, poidamos ter unha vida digna, libre de barreiras burocráticas e aporofobia.