A nova Lei inclúe demandas de EAPN Galicia sobre a loita contra a pobreza en familias con nenos e nenas, en especial as monoparentais, ou a soedade non desexada, educación de 0 a 3 anos, acollida de inmigrantes ou refuxiadas, impulso ao transporte regular e comercio de proximidade no rural ou mesmo a implicación das entidades do Terceiro Sector de acción social.
Ter un fillo ou unha filla é un factor de empobrecemento en Galicia. O éxito da lei so será posible cando se asegure o benestar de galegas e galegos durante todo o curso da vida, coa garantía de ingresos por riba do limiar da pobreza en familias con nenos e nenas, o acceso á vivenda digna e accesible, a inclusión sociolaboral entendida como dereito ou a empatía institucional e a simplificación da burocracia.
Xa está en vigor a Lei 5/2021, de impulso demográfico de Galicia. A primeira Lei destas características en España e que pretende ser “acorde cos principios de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal, que favoreza un desenvolvemento social, económico e ambiental sustentable e territorialmente equilibrado, de xeito que as persoas consideren Galicia como o lugar idóneo para vivir, establecerse e, se así o desexan, ter fillas e fillos e desenvolver o proxecto familiar que libremente escollan“
Dende EAPN Galicia valórase positivamente esta Lei e a súa filosofía de garantir os dereitos e o benestar durante toda a vida das persoas e familias que viven ou que queiran vivir en Galicia, independentemente da súa procedencia xeográfica, como requisito imprescindible para ter esperanza de éxito. Amosada en principios como a garantía do interese superior do menor e o benestar infantil ou mesmo o de equidade obrigándose a dar unha “especial atención a aquelas familias con nenos e nenas en situación de vulnerabilidade pola súa situación de exclusión social ou pobreza económica” como se incidiu dende a Rede.
Compre salientar a vontade de dialogo para mellorar os primeiros borradores. Froito deste intenso proceso de incidencia política, a Lei inclúe compromisos en materia de vivenda, educación ou emprego e varias das demandas específicas realizadas dende EAPN Galicia. En aspectos como a loita contra a pobreza en familias monoparentais ou a soidade non desexada, o acollemento de inmigrantes ou refuxiadas, o fomento do transporte adaptado no rural ou do consumo de produtos de proximidade ou mesmo a obrigada implicación das entidades do Terceiro Sector de Acción Social.
Feilas. Vilardevós (Ourense)
Tralas propostas realizas dende a Rede, acadáronse avances en cuestións como as seguintes:
- Especial atención ás familias con nenos e nenas en situación de vulnerabilidade. Con programas “que faciliten o acceso á vivenda da mocidade galega, das familias con fillas e fillos e persoas dependentes a cargo“.
- Plan de apoio ás familias monoparentais. Rexistro de Familias Monoparentais.
- Melloras de habitabilidade das vivendas así como a rehabilitación integral e a mellora da accesibilidade, tendo en conta os fogares nos que vivan persoas con dependencia, familias monoparentais, persoas con discapacidade ou con dificultades de mobilidade.
- Garantir a calidade e o carácter inclusivo dos recursos de educación infantil 0-3 anos e avanzar na súa universalización e gratuidade.
- Propiciar un saldo migratorio positivo e a acollida e inclusión das persoas que se asenten en Galicia, apoiando ás entidades que realizan labores de atención a persoas inmigrantes, refuxiadas ou solicitantes de protección internacional.
- Estratexia de prevención, atención e abordaxe integral da soidade non desexada.
- Rede de transportes e comunicacións que garanta a mobilidade e a conexión, preferentemente diaria. Liñas de transporte regular ou a demanda entre o medio rural e costeiro. Aumento do número e acceso a transportes adaptados.
- Promover o consumo de produtos de proximidade nos servizos de alimentación.
- Participación das organizacions do Terceiro Sector Social “nas accións de impulso demográfico para fortalecer o recoñecemento e o exercicio efectivo dos dereitos sociais, mellorar o coñecemento e a cobertura das necesidades da poboación máis vulnerable e avanzar nunha sociedade cohesionada e inclusiva“
Asegurar a galegas e galegos o benestar durante toda a súa vida combatindo a pobreza
A Lei de Impulso Demográfico recolle medidas importantes e necesarias para mellorar o benestar das persoas. Máis a filosofía e principios que presiden esta lei establecen o requisito imprescindible para combater o excepticismo sobre o seu posible éxito: asegurar a galegas e galegos o benestar durante todo o curso da vida implica garantir os dereitos e o benestar das persoas e familias que viven ou que queren vivir en Galicia, combatendo de xeito drástico a pobreza e a exclusión social.
Ter un fillo ou unha filla é un factor de empobrecemento en Galicia. Se a taxa de risco de pobreza ou exclusión social en Galicia era do 20,3% no 2017 (IGE), a dos nenos e nenas galegos era dun 23,7% e a dos mozos e mozas dun 28,3%. E nas familias monoparentais esta taxa foi do 46,8% no 2019 (INE). O 80% dos seus descendentes están condenados a seguir na pobreza sen unha intervención pública radical e inmediata.
Como se dixo na Comisión de Reactivación Económica, Social e Cultural no Parlamento de Galicia, combater con credibilidade o inverno demográfico implica por exemplo multiplicar o investimento en vivenda digna e accesible. Ou loitar contra a pobreza e a exclusión infantil e xuvenil, cunha lei específica que mellore o seu marco de protección e asegurando de inmediato as súas necesidades básicas e a das súas familias.
Non se debería agardar á incerta posta en marcha do Ingreso Mínimo Vital para garantir a aquelas familias con nenos, nenas ou persoas dependentes uns ingresos incondicionados por encima do limiar de pobreza relativa, asegurando tamén o dereito á inclusión sociolaboral.
Por outra banda dende EAPN Galicia considerase como requisito imprescindible o fomento do principio de empatía institucional na relación dende as distintas administracións coa cidadanía, o que permita garantir medidas que faciliten e axilicen a relación das persoas coas administracións e departamentos implicados, e que reduzan de xeito sistemático a burocracia administrativa.
Fai un comentario